Coñezo unha rapaza, unha que estudou comigo, que tiña que preparar un exame de grego. Despois de estar varios días aprendéndose o alfabeto, a víspera do exa á noite, decidiu darlle un último repaso: "alfa, beta, gamma, delta, ípsilon". Pero ao dicir esta última letra, escoitou un pequeno barullo:
"Ei ti, ese non é o teu lugar, é o meu!", berrou enfadada a Epsilon. "Non", respóndelle a Ípsilon, "eu non quero ir ao final, gústame este novo posto!"A miña amiga trabucárase nunha letra e non podía crer o que escoitara. Decidiu volver empezar: "alfa, beta, gamma, delta, épsilon, dseta, zeta..."
"Perdoa querida compañeira, pero moito me temo que eu vou antes ca ti", esta vez a que falaba era a Eta. "Como?" sorprendérase a Zeta. Tras mirar a que ía diante, comprobou que era certo "Oh, poiz ten voztede razón, pídolle dizculpaz", e volveu ao seu sitio.
A rapaza, con esta intervención tamén se dera conta de que situara antes a Zeta que a Eta. Algo estranada, volveu a comenzar: "alfa, beta, gamma, delta, épsilon, dseta, esta, zeta, kappa, lambda..."
"Tsh, tsh!!", A miña amiga levantou a cabeza para ver que a chamaba, pero non había ninguén "Si, tú, es tí a quien llamo", Ela volveu levantar a cabeza, estaba soa no cuarto, e ao mirar outra vez para o libro, viu a Iota que lle falaba: "Sabías que ya es la cuarta vez que me saltas? Me estoy empezando a cansar".
A rapaza, xa algo asustada, non estaba moi segura de se contestar ou non, pero a letra tiña razón: non lembraba mencionar a iota dende había moito tempo. "Oups, pois perdoa, pero non me dei conta"
"Vale, esta vez pasa, ¡pero que no se vuelva a repetir!"
A miña vella compañeira, xa cansa, e non moi segura de que aínda estivese esperta, levantouse da cadeira e meteuse na cama, pensando que, quizais, se mañán as letras volveran protestar en voz baixa, poderíanlle axudar no exame; todas menos a Iota.
Nenhum comentário:
Postar um comentário