Tras longas horas de debate encarnizado decidimos que a obra gañadora é… Wifi ou patacas? que se presentou baixo o pseudónimo Letras de esparto.
A autora resultou ser Raquel Domínguez Santos, estudante de Economía aplicada ás ciencias rurais na USC, quen gozará da discografía completa de Herdeiros da Crus (grupo do que se declara fan) e de ver publicado o seu relato nos próximos días.
Un equipo de reporteiros do blog non perdeu o tempo e foi correndo a entrevistala á súa casa en Roel d´arriba (entre Corcubión e Fonterra). Atopárona sachando na leira mentres que recitaba a Celso Emilio Ferreiro.
Velaquí vos deixamos parte da entrevista que lle fixeron:
- Wifi ou patacas? trátase dunha obra anovadora que reflexiona sobre a chegada de Internet ao campo. É cecais un chisco autobiográfica?
- É.
- En que sentido?
- Wifi ou patacas? pretende ser unha reflexión sobre un dos temas que máis nos preocupan en Roel d´arriba, que é o feito de que os ollos das patacas se multipliquen a causa da radiación wifi, dando lugar a patacas transxénicas que ninguén merca na feira.
- Wifi ou patacas?
- Patacas.
Parca en palabras, Raquel Domínguez Santos destacou a importancia que os relatos bravú teñen na súa vida e agradeceu ao equipo das Festas Trianais o recoñecemento brindando con licor café.
Mais todo isto non é novo para ela. Raquel Domínguez xa vén dando guerra dende o ano 1999, cando dirixiu a asociación Apaguemos o apagón, un grupo radical composto por setenta mulleres dos arredores de Corcubión que, fouciña en man, pretendían deter o efecto 2000 a golpe de poemas combativos, tales como: Misa en interné usté como lo ve? .
Ao darse conta de que o efecto 2000 só afectou a uns poucos parquímetros, a asociación desfíxose o 1 de xaneiro do 2000; e dende aquela leva unha vida de monxe franciscano escribindo relatos bravú a máquina e traficando con repolos ecolóxicos.

Raquel Domínguez ao trasluz.